O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Arquivo para a categoría “Galeuros”

A asemblea extraordinaria da A.C.Fillos de Galicia aproba o inicio da ‘socialización’ do Galeuro

A Asemblea Extraordinaria convocada a tal efecto entre os socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia, entidade creadora e ata o de agora responsable única da moeda complementaria galeuro, vén de aprobar o comezo do definitivo proceso de socialización da moeda.

O primeiro paso dentro deste proceso será a redución do límite de emisión que esta entidade ten, ata o de agora situado nos 10.000 galeuros, para o igualar ao que outras entidades teñen: 2.000 galeuros.

Para esta redución, Fillos de Galicia fai un chamamento a todos os posuidores de galeuros para que ates de finalizar o mes de novembro contribúan á desemisión do diferencial existente con ese límite. Calquera posuidor/a de galeuros pode contribuír a este axuste, das seguintes maneiras (por orde de preferencia para Fillos):

  1. Usando os seus galeuros (que teñan actualmente en saldo ou novos que poidan emitir se teñen esa capacidade) para:
  2. Solicitando a conversión a euros, á taxa estabelecida do 90% (se dispoñen dese dereito).

Engadimos un novo indicador económico dos galeuros

Desde hoxe pódese consultar na sección de cifras económicas e financeiras do noso wiki un novo indicador (triplo) de actividade dos galeuros, o que vimos en denominar taxa de emisión, circulación e conversión, e que mide cantos dos movementos de galeuros son circulación entre posuidores con respecto ao total de movementos, cantos son emisións de moeda e cantos conversión desta a euros.

Como se pode observar ao longo da historia da nosa moeda a taxa de emisión mantívose bastante constante en torno ao 50%. Isto quere dicir que practicamente por cada emisión había unha circulación ou unha conversión a euros. Por unha banda isto indica solidez, porque as emisións non superan nunca de maneira importante aos outros movementos da moeda, pero por outra banda fainos ver a necesidade de estimular moito máis a circulación entre posuidores e outras entidades, de tal maneira que o galeuro cumpra mellor coa súa función de medio de intercambio económico. Coidamos que aumentar este factor a niveis de 50%, 70% ou superiores deberá ser un obxectivo da nosa nova etapa.

Como se pode ver ata o de agora a circulación non dá superado á conversión, o que quere dicir que non se move máis o galeuro do que se converte a euro, e iso fainos ver que non ten despegado o seu potencial como moeda de intercambio. Agardamos que a nova etapa dos galeuros permita corrixir esa eiva.

Engadimos a posibilidade de reducir o límite de emisión

Hoxe vimos de mellorar o aspecto contractual da capacidade de emisión, recollendo ademais da posibilidade de ampliación do límite emisor de galeuros dunha entidade participante, a posibilidade de que esa entidade rebaixe a súa capacidade. Iso é importante sobre todo nunha época de recesión económica, porque é previsible que algunhas empresas ou profesionais que emitan galeuros poidan ver reducida a súa capacidade de facturación por diversos motivos. Desde hoxe o noso wiki recolle esa posibilidade.

Reactivando o xestión dos galeuros

Despois de varias semanas de parón debido á reorganización interna e ao mega-proxecto de posta en marcha de Fillos 4.0 estamos retomando o ritmo e o pulo da nosa moeda.

O día 1 de novembro hase celebrar unha importante asemblea de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia, responsable ate agora dos galeuros, onde se someterá a decisión dos socios un importante salto adiante do que informaremos oportunamente unha vez teñamos o resultado da votación.

Por outra banda estamos en fase de reactivación do voluntariado en Fillos de Galicia, aproveitando o tirón de Fillos 4.0 e das facilidades que achega para a participación de todos os seus membros. Así é que agora cada hora adicada a labores voluntarios a prol dos proxectos de Fillos será recompensada con 10 galeuros, que os nosos membros voluntarios poderán gastar na Tenda de Fillos, ou nas outras entidades participantes que aceptan a nosa moeda… cada vez máis moeda de todos os galegos e as galegas (do mundo)!

Agradecemos a paciencia que estades amosando as persoas que estades vendo os movementos de galeuros retrasados por estas incidencias. Vimos de facer trocos no sistema de xestión de tal maneira que poidamos estar agora si, a cotío, atendendo as vosas solicitudes e realizando os apuntamentos de movementos. Grazas!

Un novo servizo que podes pagar en galeuros: traducións a/de o inglés

GracielaHoxe vimos de engadir no wiki unha nova posibilidade de lle darmos uso aos galeuros. Graciela B. Fondo Buyo, socia e directiva da Asociación Cultural Fillos de Galicia, comeza ofrecer os seus servizos como tradutora profesional en troques de galeuros.

Grazas, Graciela, por incrementar as posibilidades da nosa moeda coa túa oferta! :-)

Presentación dos Galeuros nas xornadas galegas de economías alternativas (Vigo 27 e 28 de Xuño)

Non podiamos faltar a este interesante cita que se está a artellar para derradeira fin de semana do mes de Xuño en Vigo, onde nos atoparemos persoas de diversos colectivos que traballamos facendo posible outra economía en Galiza. Esperamos poder publicar de contado o programa no que se incluirá unha presentación da II Etapa dos Galeuros.

Xornadas en Vigo de Economía Alternativa

Inauguramos o blog dos galeuros!

Neste nova etapa dos galeuros que se abriu hai un par de meses, consideramos que é importante manter un contacto permanente coa sociedade galega, difundindo de maneira aberta todas as noticias e evolucións que se vaian producindo no proxecto.

Aínda que o noso wiki vai quedar para dar a información e condicións vixentes en cada momento, faise preciso outro medio de comunicación. De aí este blog que manteremos entre Casdeiro, representante do Comité Xestor dos Galeuros e Antonio Palma, o dinamizador dos galeuros, e que fará cosntante referencia ás diversas páxinas que compoñen o noso wiki.

Post Navigation