O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Arquivo para a etiqueta “taxa de circulación”

Supérase a cifra de 100.000 galeuros utilizados

Sumando todos movementos realizados ata a data de hoxe (emisións, circulación, conversión, desemisión…) a nosa moeda vén de superar unha cifra moi importante: os 100.000 galeuros.

Durante o último periodo anual (2009) realizáronse 190 movementos, por un total de case 70.000 galeuros, o cal supón un medre do 283,75% na contía das operacións respecto ao ano anterior.

Outro dato positivo foi que a taxa de circulación medrou, aínda que timidamente, do 23,98% ata o 31,95%, consolidando a tendencia de anos anteriores.

Coidamos que isto demostra o potencial da moeda, que se verá ampliado se o proceso de socialización une a máis actores económicos no seu emprego.

Podes consultar máis cifras sobre os galeuros no seu wiki oficial.

Engadimos un novo indicador económico dos galeuros

Desde hoxe pódese consultar na sección de cifras económicas e financeiras do noso wiki un novo indicador (triplo) de actividade dos galeuros, o que vimos en denominar taxa de emisión, circulación e conversión, e que mide cantos dos movementos de galeuros son circulación entre posuidores con respecto ao total de movementos, cantos son emisións de moeda e cantos conversión desta a euros.

Como se pode observar ao longo da historia da nosa moeda a taxa de emisión mantívose bastante constante en torno ao 50%. Isto quere dicir que practicamente por cada emisión había unha circulación ou unha conversión a euros. Por unha banda isto indica solidez, porque as emisións non superan nunca de maneira importante aos outros movementos da moeda, pero por outra banda fainos ver a necesidade de estimular moito máis a circulación entre posuidores e outras entidades, de tal maneira que o galeuro cumpra mellor coa súa función de medio de intercambio económico. Coidamos que aumentar este factor a niveis de 50%, 70% ou superiores deberá ser un obxectivo da nosa nova etapa.

Como se pode ver ata o de agora a circulación non dá superado á conversión, o que quere dicir que non se move máis o galeuro do que se converte a euro, e iso fainos ver que non ten despegado o seu potencial como moeda de intercambio. Agardamos que a nova etapa dos galeuros permita corrixir esa eiva.

Post Navigation

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.