O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Nova entidade participante nos galeuros: Escuela Integral de Desarrollo

Se precisas alguén que che ofreza coaching persoal ou empresarial en Vigo ou telefonicamente desde outros lugares, e tes galeuros, podes acudir a Escuela Integral de Desarrollo (Coach), os novos participantes no sistema dos galeuros.

Se ti tamén queres ofrecer os teus servizos ou produtos en troca da galeuros, non deixes de poñerte en contacto connosco.

Advertisements

Bota a andar unha lista de correo para a comunicación entre as entidades que aceptan galeuros

Hoxe estreamos, grazas ao aloxamento fornecido por Saramaganta, unha nova lista de correo que terá como obxectivo o mellor coñecemento mutuo e o medre de intercambios en galeuros entre aquelas persoas e entidades que os aceptan como medio de pagamento.

Nela tamén reflexionaremos conxuntamente sobre o futuro da nosa moeda.

Os galeuros, no mapa das moedas sociais publicado por El País

Malia termos achegado información á xente que preparaba esta reportaxe, finalmente excluírona do texto e limitaron a mención dos galeuros e un puntiño no seguinte mapa que a acompañaba. Aínda así, agradecemos que nos poñan no mapa e a reportaxe é interesante e dá un repaso a varias experiencias de moeda social do territorio español:

Mapa das moedas sociais en España (incluíndo o galeuro)

Os galeuros, referentes para o proxecto de creación dunha nova moeda galega

Nestes días coñeceuse por diversos webs e listas de correo que se convocara unha xuntanza aberta o vindeiro día 6 de abril en Compostela para promover a creación dunha moeda social para Galiza. Nalgunhas destas noticias saliéntase o caso da nosa moeda, o galeuro, como un exemplo referente das moedas complementarias ou locais no noso país. Agradecemos estes recoñecementos e esperamos poder achegar a nosa experiencia e labor a esta nova moeda.

Velaquí algunha destas referencias:

  • Diário Liberdade: Proponhem reuniom para impulsionar moeda galega alternativa ao Euro:

    Na Galiza, o Galeuro, cujo órgao de governo é a AC Filhos da Galiza, tem por enquanto caráter puramente virtual e electrónico, e permite realizar pagamentos a pessoas e estabelecimentos aderidos à rede dos galeuros, que som por enquanto escassos. No entanto, a AC Filhos Galiza prevé, numha segunda fase, a sua impressom física para facilitar “a socializaçom” da moeda.

Novos participantes nos galeuros: Sacando Virutas, Casa Pousadoira e Saramaganta

Nestes últimos meses incorporáronse ao sistema dos galeuros tres novos participantes cos que podes usar os teus galeuros:

A nosa benvida a todos eles!

Tamén podes atopar os seus enlaces na columna dereita deste mesmo blog, xunto con outros profesionais e organizacións que aceptan galeuros en troco dos seus servizos.

Se ti tamén estás interesada ou interesado en participar, non deixes de escribirnos a galeuros EN galeuros PUNTO com.

Os galeuros no mapa das moedas sociais en España

Os galeuros no mapa das moedas sociais en EspañaO web Vivir sin empleo editado por Julio Gisbert fixo un repaso o ano pasado no que citaba os galeuros entre as moedas sociais máis notables en España.

Agradecemos esta referencia e copiamos aquí un fragmento da súa reseña:

En el mapa de bancos de tiempo y monedas sociales hemos dispuesto con un visible color verde un total de 25 monedas, de las cuales 15 pertenecen a redes de EcoXarxas en Catalunya (13), Balears (1) y Comunidad Valenciana (1), todas ellas centralizadas dentro del proyecto de la Cooperativa Integral Catalana y de la web CES como plataforma de intercambio; de las 10 restantes destacar el grupo de monedas sociales andaluzas (5), desde el Zoquito que es la más veterana, pasando por el Málaga Común, la Pepa de Alcalá de Guadaira, y las sevillanas Jara del Banco de Tiempo del Aljarafe y el Pumade l@s amig@s de Sevilla Decrece. Por último el Galeuro de la Asociación de Fillos de Galicia, el Copón de Cuenca (hija del 15M como alguna otra moneda más como la Pepa y el Eco en Llíria), El Vecino en Valladolid y en Madrid los BiVes del Banco de Tiempo de Ida y Vuelta y la última y reciente experiencia del Boniato del Mercado Social de Madrid completan el resto.

Os galeuros nos informativos de La Sexta TV

Este mércores entrevistáronnos para unha reportaxe acerca de diversas moedas sociais que funcionan en España. Grazas a La Sexta por esta oportunidade de dar a coñecer a nosa moeda, aínda que do gravado emitiron moi pouco, esperamos que poidan reutilizar o material gravado onde explicamos máis polo miúdo a función social da moeda.

O galeuro en La Voz de Galicia

A nosa presenza no curso de Economía Solidaria foi destacada por un dos principais xornais galegos nun artigo titulado La economía alternativa enseña sus posibilidades:

El «mercadiño de troco» y el «galeuro» como moneda virtual destacaron en las sesiones de trabajo.

El galeuro como «primeira moeda virtual electrónica galega» o como «diñeiro de comunidade entre os galegos» fue una de las iniciativas presentadas en el curso de economía alternativa e solidaria, organizado por Cooperación Galega y la USC.

Presentación dos galeuros no curso de Economía Solidaria na USC

Velaquí vos ofrecemos o documento completo da presentación dos galeugos o pasado sábado en Compostela. Por falta de tempo non deu tempo a explicalo todo e por iso coidamos que é interesante publicar aquí o documento para consulta de todos os que asistiron e mais das persoas que non puideron ir.

[PDF] Presentación dos galeuros no curso de Economía Alternativa e Solidaria na USC.

Preguntas e respostas sobre o proceso de socialización do galeuro

Aínda que o proceso de socialización dos galeuros está en suspenso actualmente por diversos motivos, consideramos de interese a publicación do documento que preparáramos en decembro de 2009 dirixido ás entidades potencialmente interesadas en participar no proceso. Foi lixeiramente revisado para aclarar algúns conceptos, pero basicamente é o mesmo elaborado daquela. Esperamos que sexa de interese para explicar resumidamente a función social que pode ter o galeuro:


1) Para empezar… que é iso do “galeuro”?

É unha moeda complementaria. Unha forma de diñeiro, de tipo privado, que tenta aproveitar todas as vantaxes do diñeiro como instrumento, pero controlando democraticamente, desde abaixo, todas as súas características, para evitar que sexa un instrumento en mans do poder. É un diñeiro social, dos cidadáns, que serve para facer comunidade, tecendo relacións económicas alternativas.

Tamén é un sistema de crédito mutuo que permite que todo o mundo cree o seu propio diñeiro, cun determinado límite.

2) Quen está detrás do galeuro?

A moeda foi posta en marcha pola asociación cultural Fillos de Galicia, que vén traballando en temas de cultura e diáspora galegas e mais Internet desde o ano 2000.

3) Que é iso da “socialización”?

Fillos de Galicia decidiu socializar a moeda, é dicir, poñela a disposición da sociedade galega no seu conxunto, e pensou nas súas organizacións sociais como unha maneira de poñela en mans da sociedade. O resultado deste proceso de socialización será que a moeda pertencerá a unha nova organización, creada ad hoc para xestionar a moeda e todo o que lle atinxa. Esta nova organización aínda non ten nome nin estatutos, que esperamos crear entre todos os interesados. Será aberta e dinámica, facendo evoluír democraticamente a moeda en función das necesidades da sociedade e das organzacións interesadas.

4) Por que agora?

Xa era un proceso que se abrira hai tempo dentro da A.C. Fillos de Galicia, pero agora (decembro 2009) que esta organización está nunha etapa de crise e reformulación, decidiu non pospoñer máis a entrega deste capital simbólico, intelectual, metodolóxico, inmaterial… que é a moeda “galeuro” a unha nova organización que a convirta na moeda de todos os galegos e galegas.

5) E por que lle pode interesar á miña organización?

Da mesma maneira que a A.C. Fillos de Galicia a estivo a utilizar desde os seus comezos para compensar a colaboradores e voluntarios que a empregaban despois para pagar servizos e produtos que a propia asociación vendía, calquera outra entidade non lucrativa pode facer outro tanto. E cantas máis entidades fagamos así moito mellor, porque os galeuros que posúa un particular ou unha organización vai poder utilizalos en máis lugares, para máis cousas: o interese, valor e utilidade dunha moeda está en función da cantidade de xente que a acepte como pagamento. A máis usuarios, meirande valor.
Ademais, este tipo de moedas demostran que favorecen os circuítos económicos curtos e o estreitamento de relacións sociais e económicas entre os participantes: se nós temos galeuros e hai unha entidade amiga que os acepta, será máis interesante contratar con eles ou comprarlles a eles, ca a outra empresa calquera do mercado que nos vai solicitar pagarlle nun euro cada vez máis difícil de conseguir. Non hai que esquecer que podemos crear galeuros cando os precisemos, con tal de que non superemos un determinado límite (que nós mesmos marcaremos) e que aceptemos despois galeuros en troques, algo impensable cos euros, cuxa creación non está baixo o noso control.

6) Que máis vantaxes ten?

Ademais permite cuantificar e recoñecer o valor entregado á comunidade por cada un/ha de nós. Case nunca temos diñeiro oficial (euros) para pagar todo o traballo que fan os voluntarios nas nosas organizacións, pero… si que podemos recoñecérllelo entregándolles galeuros que despois poderán gastar para pagar a súa cota de socio, mercar algún produto noso… ou gastalo en calquera outra entidade ou comercio amigo que os acepte.

7) Pero é un diñeiro só para ONGs?

Non. Aínda que nace do Terceiro Sector, está aberto a profesionais, comercios e PEMEs. Todos nós traballamos con elas, así que nos interesa poder mover tamén a moeda con elas. Así ademais favorecemos o comercio local, xa que en principio está orientado só a galegos e galegas. En momentos de recesión económica, hai falta de liquidez: por que non crearmos nós a liquidez que precisamos? A época dourada das moedas complementarias foi a Gran Depresión. E algunhas duran ata hoxe como o Wir suízo, con grande éxito e aceptación. Tamén o movemento das Transition Towns está promovendo as moedas complementarias locais na actualidade, como medio para afortalar as economías locais.

Unha persoa en paro, ou unha estudante, ou un xubilado malia o circuito económico oficial excluílos, teñen moito que achegar á sociedade e necesidades que cubrir. Sen un emprego que proporcione un fluxo constante de euros… como mobilizaren as súas capacidades como produtores económicos? Calquera persoa ou organización á que lle poidan botar unha man e que llelo poida recoñecer con galeuros, pode integralos nunha economía alternativa, dentro da cal tamén poderán satisfacer cando menos parte das súas necesidades económicas: con alimentos ecolóxicos ou de comercio xusto, p.ex.

8) Que relación ten cos bancos de tempo?

Os obxectivos e os fundamentos teóricos e de valores son moi semellantes. Sería ideal que se puidesen converter horas a galeuros, e galeuros a horas nos diversos bancos de tempos que xa funcionan no país; e o mesmo, con respeito a outras moedas locais complementarias que se están a utilizar en determinados ámbitos en Galiza.

A principal diferenza cos bancos de tempo é que alí se comercia con tempo e vale o mesmo 1 hora dunha arquitecta que 1 hora dun paseador de cans. Co galeuro, o valor de cada hora de traballo o determina libremente cada quen: é dicir, se a túa hora pensas que vale 20 euros, tes liberdade para ofrecela a 20 galeuros. Para facilitar a contabilidade, enténdese que a efectos de intercambios comerciais 1 galeuro = 1 euro.

9) Pero a ver: como é que funcionan os galeuros?

Ímolo explicar cun proceso ficticio no que vemos cómo se crea e se utiliza o galeuro:

  1. Unha voluntaria axuda a unha asociación (A) nun determinado proxecto.
  2. Esa asociación, que fai parte do sistema dos galeuros, emite (crea) 100 galeuros para compensala-recoñecela por esa axuda. O saldo da asociación queda con -100 galeuros e o da voluntaria, con +100 galeuros.
  3. A voluntaria paga á asociación 30 galeuros para facerse socia. Quédanlle +70 e a asociación agora ten -70.
  4. A voluntaria acode a unha tenda de comercio xusto e local que tamén fai parte dos galeuros, e merca produtos por un valor de 70 galeuros. Agora o seu saldo queda con 0, e o da tenda con +70.
  5. A tenda paga 20 galeuros a unha produtora de alimentos e 50 a un contable xubilado que os axuda coas contas. A tenda fica co saldo a 0.
  6. A produtora de alimentos gasta os 20 galeuros en mercar unha camiseta da asociacion A para agasarlla a un amigo. Queda co saldo a 0, e agora a asociación ten -50 galeuros.
  7. O contable dalle 30 galeuros a un amigo como agradecemento por un traballo de deseño gráfico. Aínda lle quedan 20 galeuros.
  8. O deseñador gasta os 30 galeuros que conseguiu, en contratar publicidade nunha revista que tamén fai parte dos galeuros.
  9. A revista con eses 30 galeuros e outros 30 que crea, paga unha colaboración dun artiguista. A revista fica cun saldo de -30 galeuros.
  10. O artiguista gasta os 60 galeuros na tenda de comercio xusto.
  11. Etc. etc.

Todos os saldos negativos e positivos sumados, dan en todo momento 0.

Nas condicións actuais desta moeda só as entidades que fan parte da organización dos galeuros teñen a capacidade de crear galeuros, e só ata un límite que se establece en función da súa capacidade para aceptar galeuros. Pero todas estas características poden ir mudando, se así o deciden democracticamente as propias entidades.

10) E iso xa é legal?

En principio si. Non é moeda de curso legal, así que non incumpre ningunha lei monetaria. Considérase a efectos de facturación como un desconto, ou como puntos de fidelización. Se vendes algo integramente en galeuros, na factura podes poñer: desconto galeuros = 100%. E así o IVE resultaría 0. É outra vantaxe! Equivale a un troco, tamén, e polo tanto non se contabiliza fiscalmente.

A situación legal das moedas complementarias en diversos lugares e diversos momentos históricos sempre se caracterizou por unha certa alegalidade. Téñense dado exemplos de apoio institucional (p.ex. algunhas moedas en Arxentina ou os Toronto Dollars, p.ex.) e tamén de institucións que tomaron medidas para impedir o seu funcionamento. Hai lexislacións que as consideran fiscalizables e outros que non ou que non o indican expresamente.

11) Como se leva a contabilidade?

Cada quen pode levar a nota dos seus movementos como mellor lle pareza, pero o sistema ten unha contabilidade online na que se van anotando todos os movementos, no que atinxe a emisión e trasferencia de galeuros: é como a banca online.
Fillos de Galicia ten desenvolto un sistema moi doado baseado en software libre e que mantén contabilidades online e offline duplicadas por seguridade.

12) Pódense converter a euros nun momento dado?

Poden. A moeda está duplamente respaldada: por unha banda pola aceptación dun conxunto de entidades, comercios e persoas, e por outra, por unha determinada cantidade de euros depositada nun banco ou caixa de aforros.

Para animar a que se movan e que non se convertan, a conversión está estabelecido que se produza a unha taxa do 90%: é dicir, 9 euros en troca de 10 galeuros.

13) Que ten que facer a nosa organización se quere participar?

Só tes que expresar o teu interese escribindo a galeuros@galeuros.com antes do prazo límite que se comunicará previamente. Organizaremos unha xuntanza entre todos os interesados, na que aclararemos dúbidas, e da que poderá saír a decisión da constitución da nova organización, na que todas as entidades terán equivalente control democrático sobre a moeda.

14) Cal é o plan da “socialización”?

As entidades que decidan facer parte da nova organización resposable dos galeuros deberán proceder á súa constitución. Deberán asignar unha persoa delegada e entre todas un/ha encargado/a de xestionar a contabilidade e operativa dos galeuros, o cal non leva polo de agora máis que unhas pouquiñas horas ás semana.

Unha vez constituída, abrirá unha conta bancaria nunha entidade ética, para respaldar cunha certa cantidade de euros os que se vaian emitindo. Cada entidade fará o ingreso da cantidade que lle corresponda segundo se acorde.

Cada organización asinará os documentos que lle dan dereito a emitir galeuros, se así se considera e non queda xa estabelecido nos estatutos (non parece convinte, xa que as normas para participar e emitir poderán ir variando).

Fillos de Galicia traspasará os saldos, contas e datos á nova organización. A organización inscribirá o ficheiro na Axencia de Protección de Datos. Fillos de Galicia tamén trasmitirá a propiedade da marca rexistrada “galeuro”.

Procederase á aprobación dun deseño de billete físico de 5 galeuros (e doutras denominacións se se considera convinte) e á súa emisión, para facilitar a operativa en comercios e similares.

Tras unha etapa de probas para demostrar que o sistema funciona correcta e non se precisan axustes iniciais, farase unha presentación formal diante da sociedade e dos medios de comunicación.

15) Cales son as contas actuais dos galeuros? En que estado está o sistema?

As contas actualizadas pódense consultar en www.galeuros.com. Existe unha cantidade de euros xa emitidos, en mans de varias persoas e entidades que xa participan no sistema actualmente, e un saldo negativo da A.C. Fillos de Galicia, cuberto por unha certa cantidade de euros, conforme ás normas actuais do sistema. Se se deciden trocar esas normas entre todas as entidades participantes na nova organización responsable, Fillos, como calquera outra organización que participe, asumirá as mudanzas que sexan requeridas.

16) Onde podemos consultar máis información?

En www.galeuros.com existe un wiki e mais un blog onde se vai dando conta da normativa e das noticias da moeda, respectivamente. Por suposto ese dominio e os seus contidos pasarán tamén a propiedade da nova organizacións.

Navegación de artigos