O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Arquivo do mes “Outubro, 2009”

Engadimos un novo indicador económico dos galeuros

Desde hoxe pódese consultar na sección de cifras económicas e financeiras do noso wiki un novo indicador (triplo) de actividade dos galeuros, o que vimos en denominar taxa de emisión, circulación e conversión, e que mide cantos dos movementos de galeuros son circulación entre posuidores con respecto ao total de movementos, cantos son emisións de moeda e cantos conversión desta a euros.

Como se pode observar ao longo da historia da nosa moeda a taxa de emisión mantívose bastante constante en torno ao 50%. Isto quere dicir que practicamente por cada emisión había unha circulación ou unha conversión a euros. Por unha banda isto indica solidez, porque as emisións non superan nunca de maneira importante aos outros movementos da moeda, pero por outra banda fainos ver a necesidade de estimular moito máis a circulación entre posuidores e outras entidades, de tal maneira que o galeuro cumpra mellor coa súa función de medio de intercambio económico. Coidamos que aumentar este factor a niveis de 50%, 70% ou superiores deberá ser un obxectivo da nosa nova etapa.

Como se pode ver ata o de agora a circulación non dá superado á conversión, o que quere dicir que non se move máis o galeuro do que se converte a euro, e iso fainos ver que non ten despegado o seu potencial como moeda de intercambio. Agardamos que a nova etapa dos galeuros permita corrixir esa eiva.

Advertisements

Engadimos a posibilidade de reducir o límite de emisión

Hoxe vimos de mellorar o aspecto contractual da capacidade de emisión, recollendo ademais da posibilidade de ampliación do límite emisor de galeuros dunha entidade participante, a posibilidade de que esa entidade rebaixe a súa capacidade. Iso é importante sobre todo nunha época de recesión económica, porque é previsible que algunhas empresas ou profesionais que emitan galeuros poidan ver reducida a súa capacidade de facturación por diversos motivos. Desde hoxe o noso wiki recolle esa posibilidade.

Reactivando o xestión dos galeuros

Despois de varias semanas de parón debido á reorganización interna e ao mega-proxecto de posta en marcha de Fillos 4.0 estamos retomando o ritmo e o pulo da nosa moeda.

O día 1 de novembro hase celebrar unha importante asemblea de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia, responsable ate agora dos galeuros, onde se someterá a decisión dos socios un importante salto adiante do que informaremos oportunamente unha vez teñamos o resultado da votación.

Por outra banda estamos en fase de reactivación do voluntariado en Fillos de Galicia, aproveitando o tirón de Fillos 4.0 e das facilidades que achega para a participación de todos os seus membros. Así é que agora cada hora adicada a labores voluntarios a prol dos proxectos de Fillos será recompensada con 10 galeuros, que os nosos membros voluntarios poderán gastar na Tenda de Fillos, ou nas outras entidades participantes que aceptan a nosa moeda… cada vez máis moeda de todos os galegos e as galegas (do mundo)!

Agradecemos a paciencia que estades amosando as persoas que estades vendo os movementos de galeuros retrasados por estas incidencias. Vimos de facer trocos no sistema de xestión de tal maneira que poidamos estar agora si, a cotío, atendendo as vosas solicitudes e realizando os apuntamentos de movementos. Grazas!

Navegación de artigos