O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Arquivo do mes “Xaneiro, 2010”

Supérase a cifra de 100.000 galeuros utilizados

Sumando todos movementos realizados ata a data de hoxe (emisións, circulación, conversión, desemisión…) a nosa moeda vén de superar unha cifra moi importante: os 100.000 galeuros.

Durante o último periodo anual (2009) realizáronse 190 movementos, por un total de case 70.000 galeuros, o cal supón un medre do 283,75% na contía das operacións respecto ao ano anterior.

Outro dato positivo foi que a taxa de circulación medrou, aínda que timidamente, do 23,98% ata o 31,95%, consolidando a tendencia de anos anteriores.

Coidamos que isto demostra o potencial da moeda, que se verá ampliado se o proceso de socialización une a máis actores económicos no seu emprego.

Podes consultar máis cifras sobre os galeuros no seu wiki oficial.

Advertisements

Rematan con éxito as medidas preparatorias para a socialización

As medidas de redución dos galeuros emitidos pola nosa asociación que foran aprobadas en novembro pola nosa asemblea de socios, remataron onte con éxito.

Así, a día de hoxe Fillos de Galicia ten reducido moi por baixo dos 2.000 galeuros o seu saldo negativo (-657,31 galeuros), co cal queda o sistema perfectamente preparado para se uniren outras entidades en igualdade de condicións, dentro do proceso de socialización devandito.

No noso wiki actualizaremos este dato así como os movementos totais durante o periodo 2009, que de novo, superan as marcas anteriores, amosando a vitalidade e utilidade do galeuros, a moeda social galega.

Detectado un erro nas mensaxes automáticas dos galeuros

Grazas a un aviso dunha usuaria dos galeuros, vimos de detectar que existe unha errata na ligazón que se inclúe nas mensaxe que se están a enviar desque pasamos a tenda online de Fillos.org a Galeuros.com

En concreto aparece unha ligazón a http://www.fgaleuros.com/tenda/my_points.php cando debería ser a http://www.galeuros.com/tenda/my_points.php que é a ligazón directa á páxina de saldo e histórico de movementos dos galeuros que posúe cada usuario.

Ademais disto temos pendente revisar por que agora as mensaxes só se envían en inglés, cando antes o envío se facía en galego ou castelán.

Pregamos desculpas por estes erros e lamentamos que ningún dos usuarios ate o de agora detectase ou nos comunicase o erro da ligazón. O tema do idioma eramos conscientes e estabamos á espera de dispoñer de tempo para amañalo, pero do outro non tiñamos noticia.

Esperamos dar amañado ambos temas á maior brevidade.

Navegación de artigos