O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

A moeda WIR suíza: un modelo para Galiza?

Neste vídeo da TV pública italiana RAI preséntase unha das experiencias de moeda complementaria máis exitosas e veteranas: o WIR suízo.

Este sistema de moeda complementaria foi creado en Suíza tras a Gran Depresión por un par de empresarios inspirados no economista anarquista alemán Silvio Gesell. Comezou daquela con 16 membros (PEMEs) e en 2004 superaba xa os 60.000, movendo máis de 1.600 millóns de francos suízos ao ano, e contando cun banco cooperativo de seu (o WIR Bank) que dá créditos nesta moeda (actualmente ao 1%) e xestiona as operacións. En 2010 comunicaron un beneficio neto de case 12 millóns de francos suízos (a cambio actual uns 9,6 millóns de euros). Esta moeda non existe fisicamente en formato de billetes: usan tarxeta de crédito, cheques e operacións por Internet.

Na reportaxe explican como este tipo de moedas axudan a un país a levar mellor as crises, a manter o diñeiro dentro do país, a conseguir máis clientes e a facer comunidade.

Este sábado 12 de novembro presentamos a experiencia dos galeuros no curso de Economía Solidaria en Compostela

Curso Economía Solidaria, 11-13 de novembro en CompostelaNo marco do curso de Economía Solidaria e Alternativa organizado pola ONG Panxea e mais a USC presentaremos este sábado a partir das 19 h a experiencia dos galeuros.

Será na Facultade de Matemáticas, no Campus Sur.

Falaremos brevemento do concepto xeral de moeda complementaria e contaremos o desenvolvemento, etapas, características e situación actual da nosa moeda, o galeuro.

Os nosos compañeiros no panel de experiencias titulado “Outros xeitos alternativos de comercialización” serán:

Trasladamos o blog dos galeuros a WordPress.com

Cansos de esperar que Blogaliza realizase a importación do blog dos galeuros dentro do seu sistema, solicitada por primeira vez o 15/09/2010 dentro do acordo marco entre Fillos de Galicia e Blogaliza, e reiterada en diversas ocasións desde entón, a Xunta Directiva da nosa asociación decideu non demorar máis a recuperación deste blog e trasladalo a WordPress.com onde o usuario si que pode realizar por si mesmo a importación de blogs, ao contrario que no sistema Blogaliza.

A partir de agora será esta ubicación do blog que dea conta da actualidade da nosa moeda. Lamentamos que este tempo de desaparición da Rede teña perxudicado o posicionamento acadado durante a etapa anterior nos buscadores e que a xente que procurase información durante este tempo non puidese acceder a ela, nomeadamente os posuidores de galeuros. Pregamos desculpas a todos eles e esperamos que esta explicación do sucedido poida polo menos aclarar a situación e entender de quen foi responsabilidade.

Pregamos aos usuarios paciencia se observades algún erro e información que non apareza axeitadamente, e que nolo comuniquedes por se acaso non somos conscientes do problema. Grazas.

Supérase a cifra de 100.000 galeuros utilizados

Sumando todos movementos realizados ata a data de hoxe (emisións, circulación, conversión, desemisión…) a nosa moeda vén de superar unha cifra moi importante: os 100.000 galeuros.

Durante o último periodo anual (2009) realizáronse 190 movementos, por un total de case 70.000 galeuros, o cal supón un medre do 283,75% na contía das operacións respecto ao ano anterior.

Outro dato positivo foi que a taxa de circulación medrou, aínda que timidamente, do 23,98% ata o 31,95%, consolidando a tendencia de anos anteriores.

Coidamos que isto demostra o potencial da moeda, que se verá ampliado se o proceso de socialización une a máis actores económicos no seu emprego.

Podes consultar máis cifras sobre os galeuros no seu wiki oficial.

Rematan con éxito as medidas preparatorias para a socialización

As medidas de redución dos galeuros emitidos pola nosa asociación que foran aprobadas en novembro pola nosa asemblea de socios, remataron onte con éxito.

Así, a día de hoxe Fillos de Galicia ten reducido moi por baixo dos 2.000 galeuros o seu saldo negativo (-657,31 galeuros), co cal queda o sistema perfectamente preparado para se uniren outras entidades en igualdade de condicións, dentro do proceso de socialización devandito.

No noso wiki actualizaremos este dato así como os movementos totais durante o periodo 2009, que de novo, superan as marcas anteriores, amosando a vitalidade e utilidade do galeuros, a moeda social galega.

Detectado un erro nas mensaxes automáticas dos galeuros

Grazas a un aviso dunha usuaria dos galeuros, vimos de detectar que existe unha errata na ligazón que se inclúe nas mensaxe que se están a enviar desque pasamos a tenda online de Fillos.org a Galeuros.com

En concreto aparece unha ligazón a http://www.fgaleuros.com/tenda/my_points.php cando debería ser a http://www.galeuros.com/tenda/my_points.php que é a ligazón directa á páxina de saldo e histórico de movementos dos galeuros que posúe cada usuario.

Ademais disto temos pendente revisar por que agora as mensaxes só se envían en inglés, cando antes o envío se facía en galego ou castelán.

Pregamos desculpas por estes erros e lamentamos que ningún dos usuarios ate o de agora detectase ou nos comunicase o erro da ligazón. O tema do idioma eramos conscientes e estabamos á espera de dispoñer de tempo para amañalo, pero do outro non tiñamos noticia.

Esperamos dar amañado ambos temas á maior brevidade.

Nova prórroga para as medidas extraordinarias preparatorias da socialización

Debido a que existe un proceso de comprobación de contas de correo electrónico en DeGalicia.org que a nosa asociación puxo en marcha e que rematará máis tarde có prazo dado como límite para as medidas extraordinarias preparatorias da socialización dos galeuros, e dado que existe un importante número de contas posuidoras de galeuros que usan e-mails desde dominio, o Comité Rector vén de decidir que se prorrogue este último prazo para facelo cadrar co primeiro.

Ademais, para acelerar o proceso de desemisión que terá lugar cando se eliminen certas contas de correo en DeGalicia.org, vense de engadir un párrafo no wiki explicando o seguinte:

Se o administrador dos galeuros ten constancia segura dalgunha outra maneira de que unha conta de correo xa non existe, poderá prescindir do envío desas 2 mensaxes de comprobación cun intervalo de 5 días, e procederá á des-emisión inmediata dos galeuros asociados a esa conta.

Xa que logo, o prazo para as medidas especificadas anteriormente, prorrógase ate o día 11 de Xaneiro de 2010.

Amplíase o prazo para as medidas extraordinarias preparatorias para a socialización dos galeuros

Debido a problemas de saúde do administrador dos galeuros, non se puideron aplicar os prazos anunciados para as medidas extraordinarias mencionadas hai unhas semanas. Por este motivo, a Xunta Directiva de Fillos de Galicia está a votar unha ampliación do prazo. En breve anunciaremos aquí cal será a nova data límite para as operacións descritas.

Aviso: as persoas que perdan o acceso ao seu email perderán os seus galeuros

Coa autorización da Xunta Directiva da Asociación Cultural Fillos de Galicia (que mentres non culmine o proceso de socialización dos galeuros emprendido recentemente é a responsable de definir o funcionamento da moeda), vimos de poñer en vigor unha nova norma para resolver as situacións das persoas ou entidades que deixan de dispoñer de acceso ás contas de correo asociadas aos seus galeuros.

Como xa sabedes, a identificación única que dá acceso ás contas dos galeuros é o correo electrónico asociada á conta que o/a posuidor/a ten en http://www.galeuros.com/tenda

Tendo acceso a ese email pódense gastar ou trasferir os galeuros, ben sexa por medio da propia tenda ou simplemente enviando unha mensaxe aos administradores. Isto ten como consecuencia que se ese e-mail deixa de estar accesible, pérdese toda posibilidade de acceder a eses galeuros, e polo tanto a conta queda inutilizada. Para que isto non desvirtúe as contas xerais do sistema, a Xunta Directiva aprobou por suxestión do Comité Rector a medida que ao respecto se vén de engadir no wiki: eses galeuros serán desemitidos.

A asemblea extraordinaria da A.C.Fillos de Galicia aproba o inicio da ‘socialización’ do Galeuro

A Asemblea Extraordinaria convocada a tal efecto entre os socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia, entidade creadora e ata o de agora responsable única da moeda complementaria galeuro, vén de aprobar o comezo do definitivo proceso de socialización da moeda.

O primeiro paso dentro deste proceso será a redución do límite de emisión que esta entidade ten, ata o de agora situado nos 10.000 galeuros, para o igualar ao que outras entidades teñen: 2.000 galeuros.

Para esta redución, Fillos de Galicia fai un chamamento a todos os posuidores de galeuros para que ates de finalizar o mes de novembro contribúan á desemisión do diferencial existente con ese límite. Calquera posuidor/a de galeuros pode contribuír a este axuste, das seguintes maneiras (por orde de preferencia para Fillos):

  1. Usando os seus galeuros (que teñan actualmente en saldo ou novos que poidan emitir se teñen esa capacidade) para:
  2. Solicitando a conversión a euros, á taxa estabelecida do 90% (se dispoñen dese dereito).

Navegación de artigos