O blog dos galeuros

A moeda galega que fai comunidade

Arquivo para a etiqueta “descontos”

Preguntas e respostas sobre o proceso de socialización do galeuro

Aínda que o proceso de socialización dos galeuros está en suspenso actualmente por diversos motivos, consideramos de interese a publicación do documento que preparáramos en decembro de 2009 dirixido ás entidades potencialmente interesadas en participar no proceso. Foi lixeiramente revisado para aclarar algúns conceptos, pero basicamente é o mesmo elaborado daquela. Esperamos que sexa de interese para explicar resumidamente a función social que pode ter o galeuro:


1) Para empezar… que é iso do “galeuro”?

É unha moeda complementaria. Unha forma de diñeiro, de tipo privado, que tenta aproveitar todas as vantaxes do diñeiro como instrumento, pero controlando democraticamente, desde abaixo, todas as súas características, para evitar que sexa un instrumento en mans do poder. É un diñeiro social, dos cidadáns, que serve para facer comunidade, tecendo relacións económicas alternativas.

Tamén é un sistema de crédito mutuo que permite que todo o mundo cree o seu propio diñeiro, cun determinado límite.

2) Quen está detrás do galeuro?

A moeda foi posta en marcha pola asociación cultural Fillos de Galicia, que vén traballando en temas de cultura e diáspora galegas e mais Internet desde o ano 2000.

3) Que é iso da “socialización”?

Fillos de Galicia decidiu socializar a moeda, é dicir, poñela a disposición da sociedade galega no seu conxunto, e pensou nas súas organizacións sociais como unha maneira de poñela en mans da sociedade. O resultado deste proceso de socialización será que a moeda pertencerá a unha nova organización, creada ad hoc para xestionar a moeda e todo o que lle atinxa. Esta nova organización aínda non ten nome nin estatutos, que esperamos crear entre todos os interesados. Será aberta e dinámica, facendo evoluír democraticamente a moeda en función das necesidades da sociedade e das organzacións interesadas.

4) Por que agora?

Xa era un proceso que se abrira hai tempo dentro da A.C. Fillos de Galicia, pero agora (decembro 2009) que esta organización está nunha etapa de crise e reformulación, decidiu non pospoñer máis a entrega deste capital simbólico, intelectual, metodolóxico, inmaterial… que é a moeda “galeuro” a unha nova organización que a convirta na moeda de todos os galegos e galegas.

5) E por que lle pode interesar á miña organización?

Da mesma maneira que a A.C. Fillos de Galicia a estivo a utilizar desde os seus comezos para compensar a colaboradores e voluntarios que a empregaban despois para pagar servizos e produtos que a propia asociación vendía, calquera outra entidade non lucrativa pode facer outro tanto. E cantas máis entidades fagamos así moito mellor, porque os galeuros que posúa un particular ou unha organización vai poder utilizalos en máis lugares, para máis cousas: o interese, valor e utilidade dunha moeda está en función da cantidade de xente que a acepte como pagamento. A máis usuarios, meirande valor.
Ademais, este tipo de moedas demostran que favorecen os circuítos económicos curtos e o estreitamento de relacións sociais e económicas entre os participantes: se nós temos galeuros e hai unha entidade amiga que os acepta, será máis interesante contratar con eles ou comprarlles a eles, ca a outra empresa calquera do mercado que nos vai solicitar pagarlle nun euro cada vez máis difícil de conseguir. Non hai que esquecer que podemos crear galeuros cando os precisemos, con tal de que non superemos un determinado límite (que nós mesmos marcaremos) e que aceptemos despois galeuros en troques, algo impensable cos euros, cuxa creación non está baixo o noso control.

6) Que máis vantaxes ten?

Ademais permite cuantificar e recoñecer o valor entregado á comunidade por cada un/ha de nós. Case nunca temos diñeiro oficial (euros) para pagar todo o traballo que fan os voluntarios nas nosas organizacións, pero… si que podemos recoñecérllelo entregándolles galeuros que despois poderán gastar para pagar a súa cota de socio, mercar algún produto noso… ou gastalo en calquera outra entidade ou comercio amigo que os acepte.

7) Pero é un diñeiro só para ONGs?

Non. Aínda que nace do Terceiro Sector, está aberto a profesionais, comercios e PEMEs. Todos nós traballamos con elas, así que nos interesa poder mover tamén a moeda con elas. Así ademais favorecemos o comercio local, xa que en principio está orientado só a galegos e galegas. En momentos de recesión económica, hai falta de liquidez: por que non crearmos nós a liquidez que precisamos? A época dourada das moedas complementarias foi a Gran Depresión. E algunhas duran ata hoxe como o Wir suízo, con grande éxito e aceptación. Tamén o movemento das Transition Towns está promovendo as moedas complementarias locais na actualidade, como medio para afortalar as economías locais.

Unha persoa en paro, ou unha estudante, ou un xubilado malia o circuito económico oficial excluílos, teñen moito que achegar á sociedade e necesidades que cubrir. Sen un emprego que proporcione un fluxo constante de euros… como mobilizaren as súas capacidades como produtores económicos? Calquera persoa ou organización á que lle poidan botar unha man e que llelo poida recoñecer con galeuros, pode integralos nunha economía alternativa, dentro da cal tamén poderán satisfacer cando menos parte das súas necesidades económicas: con alimentos ecolóxicos ou de comercio xusto, p.ex.

8) Que relación ten cos bancos de tempo?

Os obxectivos e os fundamentos teóricos e de valores son moi semellantes. Sería ideal que se puidesen converter horas a galeuros, e galeuros a horas nos diversos bancos de tempos que xa funcionan no país; e o mesmo, con respeito a outras moedas locais complementarias que se están a utilizar en determinados ámbitos en Galiza.

A principal diferenza cos bancos de tempo é que alí se comercia con tempo e vale o mesmo 1 hora dunha arquitecta que 1 hora dun paseador de cans. Co galeuro, o valor de cada hora de traballo o determina libremente cada quen: é dicir, se a túa hora pensas que vale 20 euros, tes liberdade para ofrecela a 20 galeuros. Para facilitar a contabilidade, enténdese que a efectos de intercambios comerciais 1 galeuro = 1 euro.

9) Pero a ver: como é que funcionan os galeuros?

Ímolo explicar cun proceso ficticio no que vemos cómo se crea e se utiliza o galeuro:

  1. Unha voluntaria axuda a unha asociación (A) nun determinado proxecto.
  2. Esa asociación, que fai parte do sistema dos galeuros, emite (crea) 100 galeuros para compensala-recoñecela por esa axuda. O saldo da asociación queda con -100 galeuros e o da voluntaria, con +100 galeuros.
  3. A voluntaria paga á asociación 30 galeuros para facerse socia. Quédanlle +70 e a asociación agora ten -70.
  4. A voluntaria acode a unha tenda de comercio xusto e local que tamén fai parte dos galeuros, e merca produtos por un valor de 70 galeuros. Agora o seu saldo queda con 0, e o da tenda con +70.
  5. A tenda paga 20 galeuros a unha produtora de alimentos e 50 a un contable xubilado que os axuda coas contas. A tenda fica co saldo a 0.
  6. A produtora de alimentos gasta os 20 galeuros en mercar unha camiseta da asociacion A para agasarlla a un amigo. Queda co saldo a 0, e agora a asociación ten -50 galeuros.
  7. O contable dalle 30 galeuros a un amigo como agradecemento por un traballo de deseño gráfico. Aínda lle quedan 20 galeuros.
  8. O deseñador gasta os 30 galeuros que conseguiu, en contratar publicidade nunha revista que tamén fai parte dos galeuros.
  9. A revista con eses 30 galeuros e outros 30 que crea, paga unha colaboración dun artiguista. A revista fica cun saldo de -30 galeuros.
  10. O artiguista gasta os 60 galeuros na tenda de comercio xusto.
  11. Etc. etc.

Todos os saldos negativos e positivos sumados, dan en todo momento 0.

Nas condicións actuais desta moeda só as entidades que fan parte da organización dos galeuros teñen a capacidade de crear galeuros, e só ata un límite que se establece en función da súa capacidade para aceptar galeuros. Pero todas estas características poden ir mudando, se así o deciden democracticamente as propias entidades.

10) E iso xa é legal?

En principio si. Non é moeda de curso legal, así que non incumpre ningunha lei monetaria. Considérase a efectos de facturación como un desconto, ou como puntos de fidelización. Se vendes algo integramente en galeuros, na factura podes poñer: desconto galeuros = 100%. E así o IVE resultaría 0. É outra vantaxe! Equivale a un troco, tamén, e polo tanto non se contabiliza fiscalmente.

A situación legal das moedas complementarias en diversos lugares e diversos momentos históricos sempre se caracterizou por unha certa alegalidade. Téñense dado exemplos de apoio institucional (p.ex. algunhas moedas en Arxentina ou os Toronto Dollars, p.ex.) e tamén de institucións que tomaron medidas para impedir o seu funcionamento. Hai lexislacións que as consideran fiscalizables e outros que non ou que non o indican expresamente.

11) Como se leva a contabilidade?

Cada quen pode levar a nota dos seus movementos como mellor lle pareza, pero o sistema ten unha contabilidade online na que se van anotando todos os movementos, no que atinxe a emisión e trasferencia de galeuros: é como a banca online.
Fillos de Galicia ten desenvolto un sistema moi doado baseado en software libre e que mantén contabilidades online e offline duplicadas por seguridade.

12) Pódense converter a euros nun momento dado?

Poden. A moeda está duplamente respaldada: por unha banda pola aceptación dun conxunto de entidades, comercios e persoas, e por outra, por unha determinada cantidade de euros depositada nun banco ou caixa de aforros.

Para animar a que se movan e que non se convertan, a conversión está estabelecido que se produza a unha taxa do 90%: é dicir, 9 euros en troca de 10 galeuros.

13) Que ten que facer a nosa organización se quere participar?

Só tes que expresar o teu interese escribindo a galeuros@galeuros.com antes do prazo límite que se comunicará previamente. Organizaremos unha xuntanza entre todos os interesados, na que aclararemos dúbidas, e da que poderá saír a decisión da constitución da nova organización, na que todas as entidades terán equivalente control democrático sobre a moeda.

14) Cal é o plan da “socialización”?

As entidades que decidan facer parte da nova organización resposable dos galeuros deberán proceder á súa constitución. Deberán asignar unha persoa delegada e entre todas un/ha encargado/a de xestionar a contabilidade e operativa dos galeuros, o cal non leva polo de agora máis que unhas pouquiñas horas ás semana.

Unha vez constituída, abrirá unha conta bancaria nunha entidade ética, para respaldar cunha certa cantidade de euros os que se vaian emitindo. Cada entidade fará o ingreso da cantidade que lle corresponda segundo se acorde.

Cada organización asinará os documentos que lle dan dereito a emitir galeuros, se así se considera e non queda xa estabelecido nos estatutos (non parece convinte, xa que as normas para participar e emitir poderán ir variando).

Fillos de Galicia traspasará os saldos, contas e datos á nova organización. A organización inscribirá o ficheiro na Axencia de Protección de Datos. Fillos de Galicia tamén trasmitirá a propiedade da marca rexistrada “galeuro”.

Procederase á aprobación dun deseño de billete físico de 5 galeuros (e doutras denominacións se se considera convinte) e á súa emisión, para facilitar a operativa en comercios e similares.

Tras unha etapa de probas para demostrar que o sistema funciona correcta e non se precisan axustes iniciais, farase unha presentación formal diante da sociedade e dos medios de comunicación.

15) Cales son as contas actuais dos galeuros? En que estado está o sistema?

As contas actualizadas pódense consultar en www.galeuros.com. Existe unha cantidade de euros xa emitidos, en mans de varias persoas e entidades que xa participan no sistema actualmente, e un saldo negativo da A.C. Fillos de Galicia, cuberto por unha certa cantidade de euros, conforme ás normas actuais do sistema. Se se deciden trocar esas normas entre todas as entidades participantes na nova organización responsable, Fillos, como calquera outra organización que participe, asumirá as mudanzas que sexan requeridas.

16) Onde podemos consultar máis información?

En www.galeuros.com existe un wiki e mais un blog onde se vai dando conta da normativa e das noticias da moeda, respectivamente. Por suposto ese dominio e os seus contidos pasarán tamén a propiedade da nova organizacións.

Navegación de artigos